Blog da Biblioteca do IES de Curtis: I CERTAME ESCOLAR DE BLOGS DO IES DE CURTIS

27/2/13

I CERTAME ESCOLAR DE BLOGS DO IES DE CURTIS

O ENDL do IES de Curtis convoca o I Certame Escolar de Blogs cos seguintes obxectivos:

  • Valorar a importancia dos blogs como ferramenta didáctica para o desenvolvemento de contidos curriculares e a súa utilidade para a motivación do alumnado.
  • Fomentar o emprego activo das TICs e a creación de espazos que favorezan asociacións positivas para a lingua.
  • Estender o uso da lingua galega na rede.
  • Promover o coñecemento de distintos aspectos da cultura galega, en especial os relacionados co ámbito do lecer.
  • Complementar a formación académica do noso alumnado con contidos que contribúan á súa inserción no mundo laboral.
  • Procurar a formación continua e a colaboración educativa entre pais, nais, profesorado e persoal non docente do IES de Curtis.
BASES

DESTINATARIOS

Calquera membro que pertenza á Comunidade Educativa do IES de Curtis durante o curso académico 2012-2013.

FORMACIÓN

1. Realizaranse xornadas de formación para a creación de blogs os días 6, 7 de marzo e 4 de abril, de 16:00 a 19:00h.

2. O número de prazas é limitado. Se houber máis demanda de formación ca número de prazas, valorarase a posibilidade de facer unha segunda quenda formativa. Entre o alumnado, terán preferencia os membros do ENDL e os matriculados en Ciclos Formativos, Bacharelato e PCPI.

REQUISITOS

1. A lingua empregada na redacción dos blogs será a galega.

2. A asistencia ás xornadas de formación non é obrigada para concursar no certame, pero todas as persoas que asistan deberán necesariamente presentar un blog.

3. Os blogs poderán realizarse de maneira individual ou en grupo.

TEMÁTICA

A temática é libre, pero valoraranse positivamente aqueles blogs que dean a coñecer aspectos da cultura galegan e desenvolvan contidos relacionados co ámbito do lecer e as preocupacións da xente nova: música, literatura, arte, ciencia, patrimonio, audiovisual, medioambiente, voluntariado, asociacionismo cultural, novas tecnoloxías, graffiti, banda deseñada, deportes, motor, videoxogos...

INSCRICIÓN NO CONCURSO

Realizarase entre os días 15 e 30 de marzo nun espazo que, con tal fin, se habilitará no blog Son de noso. O autor ou autora deberá cubrir un formulario no que indique o seu nome e apelidos, o curso ou estamento ao que pertence no seo da Comunidade Educativa e a URL (enlace) do seu blog.

Os traballos faranse públicos o 17 de maio, Día das Letras Galegas e da Internet, en Son de noso (http://sondenoso.blogspot.com.es/). Ata ese momento os autores e autoras deberán alimentar o seu blog que terá que conter un mínimo de oito entradas.

PREMIO

Concederase un único premio consistente nun Tablet para o mellor blog presentado polo alumnado.


CRITERIOS DE VALORACIÓN

Teranse en conta os seguintes criterios:

  • Calidade lingüística
  • Interese dos contidos
  • Deseño e orixinalidade
  • Inclusión de contidos propios
  • Actualización e número de entradas
  • Recursos e enlaces de interese relacionados co tema elixido
  • Aproveitamento das posibilidades que ofrece o blog: inserción de textos orixinais, vídeos, imaxes, audio...
  • Participación e comunicación coa comunidade virtual (seguidores, difusión nas redes sociais, comentarios, visitas...)
Descualificaranse os blogs que conteñan insultos, contidos discriminatorios e /ou linguaxe non adecuada.
Penalizaranse, así mesmo, as malas prácticas; entre elas, a non inclusión das fontes das que se extraen imaxes e información.

XURADO

Estará formado por membros do ENDL, profesorado de Informática do centro e un blogueiro/a de recoñecido prestixio.
A súa valoración suporá un 60% da puntuación total. O 40% restante será outorgado pola comunidade virtual que votará os blogs presentados dende o 17 de maio ata o 31 do mesmo mes.
O fallo farase público na primeira semana de xuño e o premio será entregado polo blogueiro/a convidado.
 

No hay comentarios:

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.



Deseño logo: shouvas