Inmersos na actividade frenética do final de
trimestre (entre exames, traballos, cálculo de notas medias, boletíns de
recomendacións lectoras para o Nadal…)
aproveitamos para reivindicar unha vez máis a lectura dos clásicos
intemporais. Aquí vos deixamos unha recensión elaborada por Victoria Iglesias.
“Nunca permitín que a escola interferise
na miña educación”, esta
inesquecible frase pronunciouna o escritor americano máis recoñecido do século XIX, Samuel
Langhome Clemens, alias Mark Twain, autor de
As aventuras de Tom Sawyer.
Poderíase dicir que esa sinxela cita reflicte o contido por excelencia da
crítica social que envolve, ás veces disimulada e outras, pola contra, de
xeito inquisidor, cada novela do
escritor, facendo fincapé precisamente
no espírito do incansable protagonista desta historia: Tom Sawyer.
É
aló polo ano 1876, en plena Guerra de Secesión americana, cando se publica esta novela de aventuras
ambientada nunha aldea imaxinaria de San Petersburgo, pretiño do río Mississippi.
O autor aclara concienciudamente: non é unha obra só para nenos. Así pois, afastados do desastre da guerra e a
perda de valores humanos do imperialismo, protexidos pola casca da infancia,
Tom e tantos rapaces da aldea, entre eles a súa irresistible amada, Becky, o seu mellor amigo Joe Harper e o rebelde
Huckleberry Finn, viven mil e unha aventuras na procura de cumprir os seus soños,
afastados, por suposto, de ríxidos
valores morais e normas pétreas dos adultos que xa perderon toda condición de
liberdade.
A descrición dos raparigos da novela é unha mostra
maxistral de todos aqueles que fomos nenos nalgún momento; a de todas as
persoas do mundo sen importar condición algunha, nun reflexo de mención universal.
Os desexos máis íntimos, as inquedanzas, o ánimo incorruptible cargado de fe e
adoración, a constancia e, por último, a fonte inabarcable de soños polos que loitar: o amor dunha rapaza, a
liberdade do ser humano, a procura dun tesouro
que é a ilusión e finalmente, a xustiza que debe reinar para non perder o fío
da crenza.
Ao
mesmo tempo atopamos nestes rapaces tan ben entendidos, tan ben coñecidos por
todos nós, unha crítica lixeira pero punzante da realidade que eles interpretan
á súa maneira e que o lector adulto pode observar, non é a correcta. Tom e os
seus amigos imitan o que ven, facendo en moitos casos unha interpretación
inocente da realidade. E por iso, os
protagonistas son piratas que viven na liberdade máis plena, acampados a uns
quilómetros da casa; son ladróns que rouban un anaco de touciño e morren de
remorsos despois; son exploradores que se meten nunha cova para xogar ás
escondidas. Porén, tamén vemos como loita a súa mente contra eses preceptos
ilóxicos, ridículos nos que se sustenta a sociedade do momento e os cales eles
mesmos cuestionan: escravitude, deshumanización e hipocrisía. No camiño da súa
evolución persoal descobren que os negros poden ser bos e xenerosos se os tratan
ben, que Huck, por vivir en semiliberdade, seguindo as súas propias normas é
ignorado socialmente ata que demostra a bondade do seu corazón e de paso, se
fai cun botín.
O
mellor do libro é que todas esas ideas, todos eses prexuízos reinantes, se
amosan en boca de nenos que loitan por seguir os seus soños, nun estado de
ignorancia, de fantasía, de inocencia patriótica, esquecida na transición cara
a madurez. Esta novela é en realidade, unha chamada á reflexión e á nostalxia
perdida nun mar de fanatismo relixioso, indiferenza e violencia contra o que
loitou Mark Twain toda a súa vida. Tamén aparecen constantemente, valores como
optimismo e esperanza de cambio: vemos segundas oportunidades, loita e
finalmente triunfo de Tom e Huck contra o malo do indio Joe, o achado do tesouro,
a conquista do amor de Becky e da
aprobación xeral malia todas as loucuras deses galopíns dramáticos que embelecen
a novela coas súas trasnadas.
Un
gran libro dun grandísimo escritor, que soubo incluírme de forma inmellorable na
rutina diaria da rapazada do Mississippi. Fun pirata, usureira, Robin Hood, ladroa,
incomprendida e exploradora. Todos fomos moitas cousas, a maioría esquecidas,
que podemos lembrar tan só indo á biblioteca e pedindo: As
aventuras de Tom Sawyer.
Quedemos
reflexionando sobre esa frase tan preciosa de Becky:
“Tom, como puideches ser tan
nobre?”
VICTORIA
IGLESIAS 2ºBAC B
No hay comentarios:
Publicar un comentario